Fragata magnífica
Fregata magnificens | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Macho na illa Española, Galápagos, Ecuador | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Mapa de distribución
|
A fragata magnífica (Fregata magnificens),[2] tamén chamada simplemente fragata[3] ou rabiforcado,[4] é unha ave mariña da familia Fregatidae. Ten unha lonxitude de 89 a 114 cm, polo que é especie máis grande dos fregátidos. Vive en augas tropicais e subtropicais de América, entre o norte de México e Ecuador na costa do Pacífico e entre Florida e o sur do Brasil na costa do Atlántico. Hai tamén poboacións nas illas Galápagos no Pacífico e outras, probablemente extintas, nas illas de Cabo Verde no Atlántico africano.
É unha especie grande, de constitución corporal lixeira, con plumaxe negro amarronado, unhas ás estreitas e longas e unha cola fortemente bifurcada. O macho ten un rechamante saco gular que infla para atraer unha parella. A femia é lixeiramente máis grande e ten o peito e o ventre brancos. Comen peixes que collen en voo da superficie do océano (en ocasións tamén peixes voadores), e ás veces realizan cleptoparasitismo, acosando outras aves para forzalas a regurxitar ou ceder as súas capturas.
Historia e etimoloxía
[editar | editar a fonte]Cristovo Colón encontrou esta especie cando navegaba preto das augas das illas Cabo Verde na súa primeira viaxe a través do Atlántico en 1492. O seu diario de viaxe preservouse nunha versión feita arredor de 1530 por Bartolomé de las Casas.[5] A entrada do 29 de setembro di:
Viron un paxaro chamado rabiforcado [rabiforçado], que fai que os mascatos vomiten o que comeron para comelo el, e non se mantén de nada máis. É unha ave mariña, pero non se pousa no mar nin sae de terra a 20 leguas. Hai moitos deles nas illas de Cabo Verde.[6]
No texto do século XV en castelán escribiu rabiforçado, aínda que o nome actual usado en castelán é rabihorcado ou fragata.[5][6] A poboación desta especie que antes se reproducía nas illas de Cabo Verde agora está probablemente extinta como poboación reprodutora.[7]
A palabra fragata vén do italiano fregata, que se aplicou aos barcos de guerra veloces. Os mariños franceses adoitaban darlle ao paxaro o nome de frégate.[8] Unha explicación da etimoloxía e descrición da ave deuna o naturalista francés Jean-Baptiste du Tertre en 1667.[9] Du Tertre escribiu: "O paxaro que os habitantes das Indias chaman Fregate (a causa da velocidade do seu voo) non ten un corpo máis grande que o dun polo ...".[9]. Os mariñeiros ingleses chamáronlle primeiro ave buque de guerra (Man-of-War bird)[10] e despois ave fragata (fregatebird).[11] En galego no Dicionario da Academia dáse como nome para esta ave fragata[3] (que tamén se usa en xeral para todas as aves do xénero[12]), pero tamén se propuxo o nome rabiforcado na lista de nomes de aves aceptada pola SGO e a SEO,[4] así como fragata magnífica.[2]
O nome científico do xénero deriva do nome francés da ave, la frégate (barco de guerra rápido) e o nome específico magnificens significa en latín 'espléndido, magnífico'.[13]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Esta ave considerábase orixinalmente dentro da especie Fregata aquila, pero en 1914 o ornitólogo australiano Gregory Mathews propuxo que debería considerarse unha especie separada co nome Fregata magnificens.[14] Entre as outras catro especies do xénero Fregata, as análises xenéticas mostraron que F. magnificens é máis próxima á Fregata aquila (da illa Ascensión).[15]
Distribución
[editar | editar a fonte]F. magnificens está estendida polo Atlántico tropical, reprodúcese formando colonias nas árbores en Florida, o Caribe e ao longo da costa do Pacífico de América desde México a Ecuador, incluíndo as illas Galápagos. Antes había unha colonia reprodutora nas illas de Cabo Verde, pero xa se considera extinta.
Ten aparecido como ave errante moito máis ao norte da súa área habitual, chegndo ás veces en Europa á illa de Man, Dinamarca, España, Inglaterra e no Canadá á Columbia Británica.
Descrición
[editar | editar a fonte]Esta especie é a maior de todas as especies de fragatas. Mide de 89 a 114 cm de lonxitude, ten unha envergadura alar de 2,17 a 2,44 m e pesa de 1,1 a 1,59 kg.[16] Os machos son completamente negros cun saco gular escarlata que poden inflar como un globo na estación reprodutora. Aínda que as plumas son negras, as plumas escapulares producen unha iridescencia púrpura cando reflicten a luz solar, o que contrasta coas do macho de Fregata minor, que a ten verdosa. As femias son negras, pero teñen un peito e parte lateral inferior do pescozo brancos, unha banda branca nas ás e un anel ocular azul, que é un carácter diagnóstico da femia desta especie. Os individuos inmaturos teñen a cabeza e partes inferiores brancas.
Esta especie é moi similar a outras fragatas e é de tamaño similar a todas elas menos á Fregata ariel (a menor de todas). Porén, carece dun esporón axilar branco, e os individuos novos mostran unha distintiva mancha con forma de diamante no ventre.
É silenciosa en voo, pero no niño fai varios sons repenicantes.
Pasa días e noites voando sen parar, cunha velocidade media sobre o terreo de 10 km/h, voando ata 223 km sen parar antes de aterrar. Alternativamente poden ascender polas correntes térmicas, ata altitudes que ás veces chegan aos 2 500 m, e descende despois ata case a superficie do mar. A única ave que pasa os días e noites voando da mesma maneira é o cirrio común.[17]
-
Pito nun niño
-
Individuo xuvenil
-
Parte dun grupo de 30
-
Macho co saco gular parcialmente inflado
-
Macho en México
-
Macho co saco gular inflado
-
Femia en voo, na illa de Antigua
-
Inviduo novo en voo, nas illas Galápagos
-
Macho en voo, nas illas Galápagos
-
Femia en voo, nas illas Galápagos
-
Dous exemplares voando nas illas Galápagos
Comportamento
[editar | editar a fonte]Reprodución
[editar | editar a fonte]Esta ave constrúe un niño tipo plataforma pouco profundo na copa de árbores e arbustos de illas e cayos con mangleirais, que está feito de ramas e taliños.[18]
Pon un só ovo branco que mide 68×47 mm como media. Este ovo incúbano ambos os sexos durante un período de 50 a 60 días. Unha vez que eclosiona o ovo, o proxenitor macho abandónao, pero a femia permanece no niño durante case un ano.[18]
Alimentación
[editar | editar a fonte]Esta especie aliméntase principalmente de peixes, luras, augamares e crustáceos. As dietas de cada individuo varían dependendo da dispoñibilidade de alimento e da técnica de pesca que prefiren.[19]
É un animal cleptoparasito, que persegue e peteira outras aves mariñas para forzalas a vomitar as súas capturas. Despois de forzar outras aves a regurxitar, esta fragata voa en picado para coller a comida no aire antes de que caia no mar.[18]
Xenética
[editar | editar a fonte]Un estudo científico que examinou as variacións xenéticas e morfolóxicas nesta especie atopou resultados tanto esperados coma inesperados. Como se podía prever pola capacidade de voo da especie, atopáronse sinaturas xenéticas dun alto fluxo xénico a través da maior parte da súa área de distribución. Isto incluía probas dun recente fluxo xénico entre lugares do Pacífico e o Atlántico, probalbemente a través do istmo de Panamá. Esta formación xeolóxica é unha forte barreira para o movemento para a maioría das aves mariñas tropicais. Porén, o mesmo estudo tamén atopou que os individuos desta especie das illas Galápagos son xenetica e morfoloxicamente distintos. Baseándose neste estudo, pode dicirse que a poboación das Galápagos non estivo intercambiando xenes coas poboacións do continente durante os últimos cen mil anos.[20]
Dados estes resultados, a poboación de Galápagos podería ser unha especie xeneticamente distinta e merecería un status de conservación por separado. Esta pequena poboación de F. magnificens xeneticamente única é vulnerable. Calquera episodio catastrófico ou ameaza por causa humana podería varrer esta poboación de só aproximadamente dous mil exemplares, que aniñan nas Galápagos. A F. magnificens está actualmente clasificada pola IUCN co status de en "Precocupación menor", pero debido ao mencionado carácter xenético único das poboacións das Galápagos isto pode necesitar unha revisión.[20]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Fregata magnificens". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013.
- ↑ 2,0 2,1 Guía das aves de Galicia, Xosé M. Penas Patiño, Carlos Pedreira López e Calros Silvar, 2004, Baía Edicións
- ↑ 3,0 3,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para fragata.
- ↑ 4,0 4,1 Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada". Chioglossa (A Coruña) 1: 122. Consultado o 16 de agosto de 2018.
- ↑ 5,0 5,1 Hartog, JC den (1993). "An early note on the occurrence of the Magnificent Frigate Bird, Fregata magnificens Mathews, 1914, in the Cape Verde Islands: Columbus as an ornithologist". Zoologische Mededelingen 67: 361–364.
- ↑ 6,0 6,1 Dunn, Oliver; Kelley, James E Jr (1989). The Diario of Christopher Columbus's First Voyage to America, 1492-1493. Norman, Okla USA: University of Oklahoma Press. p. 45. ISBN 0-8061-2384-2.
- ↑ Suárez, Pedro López; Hazevoet, Cornelis J; Palma, Luís (2013). "Has the magnificent frigatebird Fregata magnificens in the Cape Verde Islands reached the end of the road?" (PDF). Zoologia Caboverdiana 3 (2): 82–86.
- ↑ Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 164, 237. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ 9,0 9,1 Jean-Baptiste, du Tertre (1667). Histoire générale des Antilles habitées par les François (en French). Volume 2. Paris: Thomas Joly. p. 269, Plate p. 246.
- ↑ Dampier, James (1699) [1697]. An Account of a New Voyage Around the World. London: James Knapton. p. 49.
- ↑ Albin, Eleazar (1738). A Natural History of the Birds. Volume 3. p. 75 and plate 80 on previous page.
- ↑ Definición de fragata no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London, United Kingdom: Christopher Helm. p. 164. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ Mathews, GM (1914). "On the species and subspecies of the genus Fregata". Australian Avian Record 2 (6): 120 (117–121).
- ↑ Kennedy, Martyn; Spencer, Hamish G (2004). "Phylogenies of the frigatebirds (Fregatidae) and tropicbirds (Phaethonidae), two divergent groups of the traditional order Pelecaniformes, inferred from mitochondrial DNA sequences". Molecular Phylogenetics and Evolution 31 (1): 31–38. PMID 15019606. doi:10.1016/j.ympev.2003.07.007.
- ↑ Orta, J; Garcia, EFJ; Kirwan, GM; Boesman, P. "Magnificent Frigatebird (Fregata magnificens)". En del Hoyo, J; Elliott, A; Sargatal, J; Christie, DA; de Juana, E. Handbook of the Birds of the World Alive. Lynx Edicions. Consultado o 30 November 2014.
- ↑ Weimerskirch, Henri; Chastel, Olivier; Barbraud, Christophe; Tostain, Olivier (2003). "Frigatebirds ride high on thermals" (PDF). Nature 421 (6921): 333–334. PMID 12540890. doi:10.1038/421333a. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de setembro de 2018. Consultado o 18 de agosto de 2018.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 Hauber, Mark E. (1 August 2014). The Book of Eggs: A Life-Size Guide to the Eggs of Six Hundred of the World's Bird Species. Chicago: University of Chicago Press. p. 127. ISBN 978-0-226-05781-1.
- ↑ "Fregata magnificens (magnificent frigatebird)". Animal Diversity Web. Consultado o 11 April 2018.
- ↑ 20,0 20,1 Hailer, Frank; Schreiber, EA; Miller, Joshua M; Levin, Iris I; Parker, Patricia G; Fleischer, Robert C (2011). "Long-term isolation of a highly mobile seabird on the Galapagos". Proceedings of the Royal Society B 278 (707): 817–825. PMC 3049043. PMID 20861041. doi:10.1098/rspb.2010.1342.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fragata magnífica |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Fragata magnífica |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Diamond, AW (1973). "Notes on the breeding biology and behavior of the Magnificent frigatebird" (PDF). Condor 75 (2): 200–209. JSTOR 1365868. doi:10.2307/1365868.
- González, Monica; de la Cueva, Horacio (2007). "Apparent survival of adult Magnificent Frigatebirds in the breeding colony of Isla Isabel, Mexico". Waterbirds 30 (1): 73–79. doi:10.1675/1524-4695(2007)030[0073:ASOAMF]2.0.CO;2.
- González-Jaramillo, Monica; Schloegl, Christian; de la Cueva, Horacio (2012). "Adoption as a conservation strategy for the Magnificent Frigatebird (Fregata magnificens)". Southwestern Naturalist 57 (3): 332–335. doi:10.1894/0038-4909-57.3.335.
- Osorno, José Luis; Székely, Tamás (2004). "Sexual conflict and parental care in magnificent frigatebirds: full compensation by deserted females". Animal Behaviour 68 (2): 337–342. doi:10.1016/j.anbehav.2003.06.027.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Vídeos, fotos, e sons de Magnificent frigatebird na Internet Bird Collection
- Galería de fotos de Magnificent frigatebird en VIREO (Universidade de Drexel)
- Magnificent frigatebird reconto da especie en NeotropicalBirds (Universidade Cornell)